O Concello de Padrón anuncia o programa do esperado Mercado Medieval que se celebrará os días 5, 6 e 7 de xullo. Este evento, que consolidou o seu prestixio cunha espectacular última edición, contará neste 2024 con máis de 90 postos confirmados e unha lista de agarda de artesáns desexosos de participar, o que reflicte a gran popularidade e a calidade desta feira.
O Feira Medieval abrirá as súas portas o venres a partir das 19.00 horas enchendo a rúa Real de vida con artesáns que exhibirán os seus produtos e habilidades nun obradoiro de vidro e coiro. Á mesma hora, abriranse tamén as atraccións infantís e un photocall na praza Manuel Rodríguez Cobián. A música será protagonista dende o primeiro momento coa actuación do grupo de batucada Kilombeiros de Monte Alto que completará o ambiente festivo. Ás 19.30 horas, o vidreiro real mostrará a súa destreza transformando un simple anaco de vidro nunha fermosa rosa, unha exhibición que promete ser un dos momentos máis destacados da xornada. O día continuará cun concerto de Xoán Curiel no atrio do convento do Carme ás 20.00 horas, máis batucada a partir das 21.15, e novos talleres. As actividades estenderanse ata a medianoite, ofrecendo unha experiencia completa e variada para todos os asistentes.
O sábado 6 de xullo, o mercado reabrirá ás 11.00 horas. Tan só una hora despois, unha comitiva de autoridades e a organización do evento presentarán oficialmente o mercado. O pasarrúas musical e teatral coa compañía Os cómicos da corte atraerá aos máis madrugadores mentras a cativada goza de mesas lúdicas, xogos populares e das atraccións situadas na praza Manuel Rodríguez Cobián.
Os visitantes poderán bailar coa música de Grimorium, Mazmorra Medieval e Un por cada extremo ata as 14.00 horas, cando será o momento de degustar a gastronomía local coa hora do Buen Yantar. Á tarde seguirá a feira coa reapertura do mercado ás 18.00 horas e co espectáculo itinerante Druicheros. Suso Martíns e Manoele de Felisa presentarán Cativo dá Minna Tristura na Praza de Macías ás 19.00 horas, dando paso ao espectáculo Galva e Capitolino e á actuación de Grimorium. A xornada deste sábado pecharase co esperado espectáculo Lume da Compañía Troula a partir das 23.00 horas e con máis obradoiros de antigos oficios ata a unha.
O domingo 7 de xullo, de novo dende as 11.00 horas, a animación e a música percorrerán o mercado dominical cun novo punto de diversión no photocall dos Cómicos da Corte na praza Rodríguez Cobián. Xa pola tarde será o momento da entrega de trofeos aos locais mellor decorados a partir das 18.15 horas e de máis pasarrúas cos grupos Mazmorra, Grimorium e Un por cada extremo.
Os obradoiros de antigos oficios continuarán ás 21.30 horas na rúa Real ata que a xornada culmine co gran espectáculo de lume Andanadas ás 22.30 horas na praza de Macías. Á medianoite pecharase esta edición número 17 da Feira Medieval de Padrón.
O goberno local do Concello de Padrón confeccionou esta ampla programación de citas e de propostas co obxectivo de que tanto a veciñanza como os visitantes que se acheguen ata Padrón estes días poidas gozar dun evento que conmemora a nosa rica historia e cultura, ao tempo que axuda a dinamizar o turismo no municipio.
Compártenos en Redes Sociales
TAMBIÉN TE PUEDE INTERESAR